Actualidade

Plan Renove: Axudas do Inega para cambiar ventás en Galicia

2011-12-12

Plan Renove: Axudas do Inega para cambiar ventás en Galicia

Fotografía de Dave Croker

Segundo publica hoxe, 12 de decembro de 2011, o DOG, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) convoca as axudas relativas ao Plan Renove de Fiestras. Entrará en vigor o 13 de decembro de 2011 e a cantidade asignada será de 2.500.000 €. As subvencións tramitaranse como anticipadas ao gasto.

Subvencionarase un máximo de 100 €/m2 de oco, cun límite de 3.000 € por vivenda unifamiliar ou piso, e 50.000 € en edificios. En calquera dos casos a cantidade non poderá ser maior ao 25% do custo. Serán subvencionables as renovacións de fiestras que formen parte da envolvente térmica do edificio. As novas ventás terán marcado CE conforme á norma UNE EN 14351-1:2006 e os vidros terán que ter cámara de 12 mm, se son normais, ou 6 mm se son baixo emisivos.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de inmobles do sector residencial e terciario, e comunidades ou mancomunidades de veciños; sempre que estes edificios estean sitos en Galicia.

As axudas solicitaranse a través das entidades colaboradoras adheridas ao Plan Renove de Fiestras. Serán elas as encargadas de presentar as solititudes para facer unha reserva de fondos e para xustificar debidamente as actuacións. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 9 meses contados dende a data da reserva de fondos na aplicación informática.

Podes pedir un orzamento ás entidades colaboradoras que están en Enkenda.