Actualidade

Enkenda non asinará o Manifesto de Construmat

2011-06-09

Enkenda non asinará o Manifesto de Construmat

Enkenda non asinará este decálogo, de data 13 de maio de 2011, elaborado por promotores, construtores e profesionais. Expoñeremos os motivos a continuación.

Non hai nin o máis mínimo indicio de autocrítica. O documento comeza repasando as cifras dos últimos anos, dá a sensación de que intenta asustar, pero só reflicte a realidade que sofre un sector que se ergueu virtualmente a base de excesos, un sector que non soubo pensar a longo prazo.

Entre outros datos apúntase que entre 2007 e 2010 se destruíron 1.100.000 postos de traballo e que o investimento pasou do 17,9% (2006) ao 12,7% (2010) sobre o PIB. Debúxase un escenario apocalíptico coa intención de xerar unha reacción inmediata, pedir diñeiro; coa escusa do crecemento económico e a xeración de emprego. Soa a receita pouco orixinal.

Hai puntos do manifesto que son especialmente desafortunados. O primeiro, por exemplo, solicita cartos para "todas as iniciativas que propicien a actividade do sector da edificación". Cada vez parece máis obvio que non aprendemos dos erros, e non só iso, senón que non interesa aprender deles. Acaso alguén pensa en serio que "calquera cousa" que xere actividade é a solución?

Outro dos aspectos que chama a atención é que se define a situación actual como anormal. Pregúntome se teremos que volver construír, como se fixo en 2005, 800.000 vivendas ao ano (tantas como Alemaña, Francia e Gran Bretaña) para que a situación se vexa como normal.

O punto que máis me sorprende é o número dous. Pídese con urxencia o apoio á construción de obra nova "con carácter de urxencia". O outro día podíase ler nunha reportaxe de El País: "Un millón de pisos vacíos y 300.000 familias desahuciadas." Creo que nos estamos a volver tolos, ou mellor dito, estannos a volver tolos.

Bótase de menos unha reflexión máis sosegada e de calado que deixe a un lado a ansiedade de construír para recoller "froitos" nun tempo récord e sacrificalo todo ao seu paso. Unha reflexión na que o sector analice o sucedido, aprenda diso e aposte por un cambio de mentalidade contando, iso si, con todos os intervenientes no proceso: usuarios, proxectistas, técnicos, administracións, construtores, promotores, etc. É a única forma que temos de frear a inercia xerada durante anos.

Dicir que a rehabilitación e as enerxías renovables son a salvación, xa non é suficiente. Iso só é o presente. O que sucede é que se trata como unha simple vía de negocio que hai que explotar, e co tempo sobresaturar.

Por outro lado fálase de "non aplicar novos recortes no investimento". É dicir, que a redución do gasto público non lles toque. Como o estiveron a facer tan ben...

En resumo, non vimos nada novo, fálase de I+D+I, de modernización, sostibilidade ambiental, vivenda social en aluguer, etc. Quizás é que esperabamos demasiado deles.

"Lo que requiere la investigación en vivienda social es tiempo, tiempo para conocer las condiciones locales: los materiales, los sistemas constructivos, los clientes y las costumbres" (Jaume Coll).