Actualidade

Primeiro encargo Enkenda Plus completado

2011-07-19

Primeiro encargo Enkenda Plus completado
A rehabilitación das fachadas dunha vivenda unifamiliar en Godos (Caldas de Reis) supuxo o primeiro encargo do servizo Enkenda Plus.

O sistema elixido para solucionar os problemas de humidade e de filtracións foi o SATE (Sistema Térmico de Illamento Exterior), tamén coñecido como EIFS (Exterior Insulation and Finishing System). Na actualidade o uso principal deste sistema é a rehabilitación de casas; aínda que cada vez se está a utilizar máis en obras novas. A principal diferenza cun sistema de revestimento tradicional é que SATE ten capacidade illante, conseguindo un importante aforro enerxético.

A primeira das tres capas que conforman o SATE é a de illamento. Xeralmente son pranchas de poliestireno expandido de 6 cm de espesor, fixadas sobre a cara exterior do cerramento mediante adhesivo e asegurado con tacos de PVC. É necesario que o soporte sexa continuo e manteña unha mínima planimetría. A capa intermedia é a de reforzo, que está constituída por malla de fibra de vidro embebida no adhesivo cementoso aplicado con paleta. Finalmente aplícase unha imprimación e as revocaduras estruturadas de 1 a 3 mm de espesor con gran capacidade impermeabilizante e á vez transpirables.

É un sistema moi eficaz pero que ten que ser instalado por empresas especializadas. De non ser así poderían xerarse problemas importantes de difícil solución e elevado custo.

A duración dos traballos nunha vivenda estándar non adoitan superar os 30 días. Este prazo pode incrementarse se as condicións climáticas son adversas. O prezo da solución totalmente instalada depende da dificultade que teñan as zonas a revestir. Algúns parámetros que inflúen de forma directa no prezo son:

  • Ocos en fachada: a maior número de ventás, maior será o prezo unitario.
  • Superficie: a maior superficie de fachada, menor será o prezo unitario.
  • Entrantes: a maior número de entrantes, maior será o prezo unitario.

Aquí poderás ver máis detalles da obra.